Monday 06 de May de 2024

O Concello recolleu máis de 180 bicicletas e patinetes a través da campaña “A túa vella bici vale un sorriso”


O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, destacou o éxito da campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, impulsada a través do Concello en colaboración co Centro de Recursos Solidarios de Narón. O edil naronés agradeceu a implicación e colaboración cidadá nesta iniciativa promovida un ano máis a través do equipo de Educación Viaria de Narón, formado por Pedro Caneiro e Sonia López. A través da mesma recolléronse un total de 184 bicicletas, ademais de tres correcorre e dous patinetes.

Do material recollido, tal e como apuntou, 95 bicis entregáronse á asociación AGA Ucraína, que as levará ao seu destino, para que as nenas e nenos do país, asolado por unha cruenta guerra, poidan recibir tamén material doado nesta campaña local. Así mesmo, entregáronse 60 bicicletas a centros de ensino da cidade, para realizar actividades nas citadas instalacións; 15 entregáronse a familias vulnerables da cidade a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón e as restantes 14, tres correcorre e dous patinetes entregaranse nos vindeiros días aos centros de ensino que as precisen.

Romero agradeceu a colaboración do Centro de Recursos Solidarios, da asociación AGA Ucraína, do establecemento BikeWorks Narón pola posta a punto do material e “como, non, de todas as familias que se sumaron á iniciativa, entregando bicicletas, correcorre e patinetes en moi bo estado que agora poderán desfrutar nenas e nenos de familias que atravesan unha situación de vulnerabilidade”.